Aida González | Santiago de Compostela
¿Lémbraste, meu amigo?
A luz deixaba formas de saudade
e a frescura das pedras
podía modular os ámbitos do río
lámina impresionista na mañá
fuxidía.
Era o tempo
en que as rapazas novas apañaban
nos fieitos.
De Ribadeo a Lugo e de Lugo a
Marrocos, os primeiros anos da vida de Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) forman un
vaivén similar ao baile de acentos das sílabas do seu nome. Bo inicio para unha
vida marcada polo amor á palabra. A escritora, membro da Real Academia Galega
dende 1996, é unha das voces máis senlleiras da palabra poética do pasado
século en Galicia.
Bilingüe por costume e escritora
por vocación, Luz inicia a súa formación artística aos oito anos, aprendendo a
tocar diversos instrumentos. Os problemas do seu pai, pertencente á esquerda
republicana, co réxime imperante, farán que a familia experimente a angustia da
persecución, dos traslados e das visitas en prisión. Anos despois, acadará o
título de bacharelato, o ciclo elemental
de Solfeo e Piano e a carreira de Maxisterio. Sen embargo, esta completa
formación non será dabondo para escapar aos cánones sociais da época. O
matrimonio e a maternidade chegarán da man do seu profesor Francisco Vázquez
Ramudo, director da academia Minerva. Posteriormente, será licenciada en
Filoloxía Románica pola universidade de Oviedo, converténdose previa oposición
en profesora de instituto. Será ao longo de todos estes anos cando os seus
cadernos comecen a se encher de poesía. Prometeu a flor de loto, citouse co
vento, falou a Rosalía e esta contoulle
a súa vida secreta.
Luz, na súa biblioteca | Imaxe: V Televisión
“Un diálogo é unha conversa. Fala a alma
consigo mesma en Platón para interpretar o pensamento. Agora conversamos dúas
mulleres galegas nun diálogo. Rosalía fala e eu respondo.” Conversaba Luz coa
nai literaria en 1996, diante da Real Academia Galega no día do seu ingreso. E
é que a pegada da matriarca será clave para a vocación literaria da autora de
Memoria Solar. Como di Silvia Bermúdez no seu ensaio “De La ansiedad de la
influencia a los Diálogos con Rosalía: hablemos de relaciones intrapoéticas en
la literatura gallega”, “O diálogo que Pozo Garza establece con Rosalía
determina que a tradición literaria galega sexa tamén un evento feminino.”
Xenealoxía da saudade, os paraísos
perdidos de Luz Pozo Garza son pezas irrenunciables das nosas letras
contemporáneas. Pasada a barreira dos 90 e coas cicatrices recentes trala morte
dunha neta, Luz continúa ocupando a U da Real Academia Galega . Coa publicación
o pasado ano de Sol de Medianoche, elexía á neta perdida, Luz reafírmase na
crenza na inspiración e na palabra. Non cabería agardar un legado
diferente. Tampouco tería sentido.







