lunes, 12 de diciembre de 2016

Galegas Ilustres (III): Luz Pozo Garza

Aida González | Santiago de Compostela

¿Lémbraste, meu amigo?
A luz deixaba formas de saudade
e a frescura das pedras
podía modular os ámbitos do río
lámina impresionista na mañá fuxidía.
Era o tempo
en que as rapazas novas apañaban nos fieitos.

De Ribadeo a Lugo e de Lugo a Marrocos, os primeiros anos da vida de Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) forman un vaivén similar ao baile de acentos das sílabas do seu nome. Bo inicio para unha vida marcada polo amor á palabra. A escritora, membro da Real Academia Galega dende 1996, é unha das voces máis senlleiras da palabra poética do pasado século en Galicia.
Bilingüe por costume e escritora por vocación, Luz inicia a súa formación artística aos oito anos, aprendendo a tocar diversos instrumentos. Os problemas do seu pai, pertencente á esquerda republicana, co réxime imperante, farán que a familia experimente a angustia da persecución, dos traslados e das visitas en prisión. Anos despois, acadará o título de bacharelato,  o ciclo elemental de Solfeo e Piano e a carreira de Maxisterio. Sen embargo, esta completa formación non será dabondo para escapar aos cánones sociais da época. O matrimonio e a maternidade chegarán da man do seu profesor Francisco Vázquez Ramudo, director da academia Minerva. Posteriormente, será licenciada en Filoloxía Románica pola universidade de Oviedo, converténdose previa oposición en profesora de instituto. Será ao longo de todos estes anos cando os seus cadernos comecen a se encher de poesía. Prometeu a flor de loto, citouse co vento,  falou a Rosalía e esta contoulle a súa vida secreta.
Luz, na súa biblioteca | Imaxe: V Televisión

 “Un diálogo é unha conversa. Fala a alma consigo mesma en Platón para interpretar o pensamento. Agora conversamos dúas mulleres galegas nun diálogo. Rosalía fala e eu respondo.” Conversaba Luz coa nai literaria en 1996, diante da Real Academia Galega no día do seu ingreso. E é que a pegada da matriarca será clave para a vocación literaria da autora de Memoria Solar. Como di Silvia Bermúdez no seu ensaio “De La ansiedad de la influencia a los Diálogos con Rosalía: hablemos de relaciones intrapoéticas en la literatura gallega”, “O diálogo que Pozo Garza establece con Rosalía determina que a tradición literaria galega sexa tamén un evento feminino.”

Xenealoxía da saudade, os paraísos perdidos de Luz Pozo Garza son pezas irrenunciables das nosas letras contemporáneas. Pasada a barreira dos 90 e coas cicatrices recentes trala morte dunha neta, Luz continúa ocupando a U da Real Academia Galega . Coa publicación o pasado ano de Sol de Medianoche, elexía á neta perdida, Luz reafírmase na crenza na inspiración e na palabra. Non cabería agardar un legado diferente.  Tampouco tería sentido.

No hay comentarios:

Publicar un comentario