lunes, 21 de noviembre de 2016

Castelao reaparece en Santiago da man de Miguel Seixas

M. Seixas nun momento da conferencia |Fotografía: Carmen Fernández


P.Casas, C. Fernández, R. Fumega | Santiago de Compostela

Na Rúa do Vilar a figura de Castelao volveu a estar presente. O historiados Miguel Anxo Seixas rememorou ante un auditorio cheo a súa figura, facendo especial fincapé no seu apartado coma artista, pero sen esquecer nada da súa historia persoal. Acompañando a súa charla con imaxes do artista e con anécdotas que marcaron a vida de Castelao, levou ao auditorio a recorrer da súa man a vida do galeguista.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao nace en Rianxo enchoupado dun ambiente mariñeiro e rural no 1886. Tendo en conta que a emigración é a epopea dos galegos, seu pai emigra á parte extrema da Pampa Arxentina sendo el moi novo. Así Castelao é educado en Rianxo pola súa nai e seus avós nun ambiente moi relixioso. Será nos seus primeiros anos de escola cando o eu artístico de Castelao comece a desenvolverse de xeito autodidacta.

Á idade de dez anos, o pequeno Castelao  vese forzado a deixar atrás o seu Rianxo para emigrar á Pampa onde seu pai era dono dun almacén. Alí atópase cun mundo completamente diferente ó que el coñecía: un mundo sen escola, sen relixión, no que el se integra e no que aprende a fumar e a tocar a guitarra.

Castelao sempre foi definido pola súa humanidade, característica que a piques estivo de arruinar o negocio paterno pois el era incapaz de cobrar a quen non tiña con que pagar.

Á volta en Galicia remata o bacharelato e matricúlase en medicina. Nos seus tempos libres, Castelao reúnese no Café Colón, onde el e os seus compañeiros establecen coloquios sobre cultura e arte. É neste punto onde Castelao comeza a gañar prestixio cos seus debuxos e esténdese a súa fama como caricaturista. Santiago de Compostela descóbrelle a Castelao dous sentimentos que poñen de manifesto a súa humanidade característica: o humor -representado nos seus debuxos- e a dor descuberta nas súas prácticas académicas.


 Miguel Seixas explicando ao auditorio unha das anécdotas de Castelao | Fotografía: Carmen Fernández


Logo de licenciarse, múdase a Madrid para rematar os seus estudios e facer o doutoramento, pero o gusto polo debuxo é demasiado forte e dedica gran parte do seu tempo a debuxar ilustracións para as revistas da capital. De volta en Rianxo, toma a medicina como profesión, moitas veces de xeito gratuíto, e continúa debuxando.

A estas alturas a fama de Castelao como ilustrador xa era algo patente e na primeira década do século XX comeza a tomar matices profesionais. A concepción da arte é unha rama que variou moito en Castelao, desenvolvendo diferentes teorías que a explicaban; dende a tríada arte – beleza – ben, ata a arte como arma defensiva.

No ano 1911 nunha conferencia en Vigo, ponse de manifesto a primeira teoría artística de Castelao. Para el, a arte non está na figura, o importante é capturar o interior, o de dentro.   Polo tanto busca caricaturizar  para obter o ser verdadeiro que está dentro das cousas e das persoas.  Segundo explicou Seixas, para Castealo as fotos non son quen de captar este interior.  Esta primeira teoría podería compararse ca teoría platónica xa que se sitúa á  arte como sinónimo de beleza. “A arte, a beleza e o ben significan o mesmo para o rianxeiro” manifestou Seixas.

Esta etapa coincide co seu traballo en “Cosas de la Vida”.  O historiador referiuse á historia do pai de Migueliño e  a do pai que quería un retrato idealizado do seu fillo moribundo coma algúns exemplos desta teoría artística do autor. Así, os debuxos representarían a perfección, a beleza absoluta.

Nesta época, Castelao adoece dunha enfermidade na vista que case o deixa cego. Comprende que as súas facultades para dedicarse á pintura e á medicina están moi limitadas. É por isto polo que decide optar a un posto dentro do funcionariado para sustentar á súa familia. Consegue un posto e destínano a Pontevedra, onde ingresa nas Irmandades da Fala no ano 1917.

No ano 1919, noutra conferencia sobre arte e galeguismo, aparece a segunda teoría de Castelao. Os trazos máis característicos desta nova tendencia serán a  herdanza romántica e a arte da paisaxística galega, que sempre foi a maior vocación do autor, por riba da literatura.  Tamén destaca por ser esta teoría máis interpretativa e subxectiva.  Seixas explica que “o obxectivo de Castelao nesta etapa é ilusionar á xente”.


Un dos debuxos de Castelao onde representa a icónica fouce | Fotografía: Carmen Fernández

Na terceira teoría artística, Castelao fai referencia a concepción dramática da arte. Segue mantendo a pegada romántica e aparece o artista posuído. A Castelao non lle interesa unha arte imitada, quere deixar a súa propia pegada.

Nos anos 20, sae á luz a Revista Nós, da que Castelao é deseñador principal da tipografía e da maqueta. Aquí Castelao comeza a publicar pequenos escritos acompañados por ilustracións ós que el chama “cousas”. Para o ano 22 Castelao xa é un caricaturista de referencia e consigue que o debuxo chegue o pobo, e pon no mapa os desamparados ou as mulleres, que non tiñan representación nos medios. A partir do 1923, a ditadura de Primo de Rivera xeraría diferenzas entre os pais do nacionalismo. Castelao decide non contaminarse dos seus ideais, como lle pasou a Vicente Risco.

Posteriormente, durante a II República, Castelao sae elixido deputado por Pontevedra e as súas novas obrigas farán que a actividade artística quede relegada á marxe. A gran teima de Castelao neste momento é impulsar o Estatuto de Autonomía, que se presenta un día antes de que o golpe militar que botaría abaixo a República se puxese en marcha. Con isto, o Goberno vaise a trasladar a Valencia e Castelao viaxa posteriormente a Moscova para establecer lazos cos soviéticos pois eran os únicos que apoiaban a causa republicana. Castelao xa non retornaría a Galicia.

Nos seguintes anos, Castelao viaxa polo continente americano, expoñendo e vendendo as súas obras para conseguir fondos e apoios á II República. Entre os países nos que Castelao deixou a súa pegada cóntanse os Estados Unidos ou Cuba. Ó chegar febreiro do 39 a guerra estaba perdida e Castelao pasará a se converter nun irregular. Non sen moitas dificultades consegue instalarse en Arxentina onde se dedica a actividade política en prol do galeguismo e da república. Morre no 1950, cando editan As Cruces de Pedra na Galiza, obra da que tan só podería ver impresas as primeiras páxinas.


Así pois, Castelao é un dos pais do nacionalismo galego e da súa iconografía. Unha iconografía galeguista que conseguiron idear as Irmandades da Fala. Iconas que hoxe consideramos propias, como a fouce, o dolmen ou os motivos celtas foron explotados e introducidos na nosa cultura por figuras como Castelao.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao foi moitas cousas: escritor, político, pintor, médico… Pero se algo conseguiu foi a través das súas artes, dos seus debuxos, que o pobo galego se vise reflectido a modo de ilustración e en tódolos seus estamentos, nun traballo artístico cun gran fondo político onde poñer de manifesto as inquedanzas e características de toda unha cultura.

No hay comentarios:

Publicar un comentario