Pasillos da TVG, onde se recollen anacos da súa historia | Fotografía: Carmen Fernández
Carmen Fernández, Roberto Fumega | Santiago de Compostela
A véspera do día de Galicia do 1985, a Televisión de Galicia facía a súa primeira emisión dende San Marcos. Dous meses despois comezaría a súa programación de xeito regular, cun total de 39 horas de emisión semanais.
É salientable o feito de que fose a TVG a primeira canle de carácter autonómico do territorio español que emitise regularmente vía satélite o seu programa “Galeguidade” a finais de decembro do 1994. Ese mesmo ano, un mes antes, emitía a través de fibra óptica imaxes do IV Salón da Enerxía e Desenvolvemento Rural, dende Silleda.
No 1995 emitiron por vez primeira co sistema NICAM-Dual-Estéreo para toda galicia, así como o primeiro teletexto en galego dando comezo as súas emisións regulares a finais de ano. No 1996 realizaron a gravación dun programa en formato Pal Plus sobre o Torneo Campión de Campións de squash en Santiago de Compostela. Ese mesmo ano, a TVG batería a súa marca de audiencia coa transmisión do clásico Real Madrid vs Barcelona, cun total de 745.000 espectadores. De igual xeito, no 1996 iniciaron as emisións vía satélite a América.
O 1997 sería un ano de grande innovación tecnolóxica para a TVG, iniciando o seu funcionamento en probas do novo control central robotizado, emisións regulares vía Internet, o día das Letras Galegas, sendo a primeira cadea de Europa e a sétima no mundo en ofertar ditos servizos. De igual xeito, estrearía a súa primeira mediametraxe, unha adaptación da obra de Ánxel Fole “O Tesouro”. Tamén sería o ano no que a TVG comezou as súas emisións pola plataforma Via Digital.
As emisións para Europa en dixital comezaron no 1998 a través de satélite, realizando a primeira conexión por medio dunha unidade móbil propia dende a Expo de Lisboa. Ó ano seguinte, no 1999, cambiaría a súa imaxe corporativa e entraría en funcionamento o seu novo enderezo electrónico www.tvg.es.
Logo dun pequeno parón en 2001, a TVG continuaría as súas emisións para Europa vía satélite, e sería no 2002 cando asina con Panasonic un acordo no que se incluiría o subministro de máis de 200 equipos DVCPRO50 e unha rede de servidor con estacións non liñais para informativos. Ó ano seguinte, amplía a súa oferta audiovisual, presentando o Plano de Cine, TV Movies, Series e Programas para Televisión de Galicia SA, baixo concurso público, sendo a única en España que leva a cabo este tipo de iniciativas sobre produtos audiovisuais.
Sala onde se controlan as emisións da TVG | Fotografía: Carmen Fernández
En 2004 pon en marcha a automatización do seu estudo de continuidade e no 2005 o Luar supera as 500 emisións. Nese mesmo ano estréase a serie Libro de Familia, que se converteu nun grandes éxitos da TVG.
En outubro de 2006 estrea A Casa 1906, o primeiro programa de telerrealidade feito na TVG. Un ano despois pon en marcha agalega.info, páxina desde a cal o usuario podía acceder ás noticias e a todo o que se emitía dende a canle. Padre Casares lanzouse con éxito en 2008, e nese mesmo ano o espazo semanal de información agraria Labranza chega aos 1000 programas en antena.
A segunda canle da TVG, G2, inaugúrase o 2 de febreiro de 2009. Tamén nese ano a TVG estrea Matalobos, serie de grande éxito. Por primeira vez na súa historia realiza a transmisión da temporada da Champions League. O 6 de novembro de 2010, TVG e Radio Galega realizaron o maior despregamento da súa historia para ofrecer a visita do Papa Bieito XVI a Santiago. Coa retransmisión de este evento chegouse a niveis do 52% de cota de pantalla.
En 2011 a TVG intervén na 29 Conferencia Anual de Circom, celebrada en Romanía. Circom é un organismo internacional que reúne a televisión rexionais públicas de toda Europa. Ese mismo ano, a CRTVG adhírese ao Pacto Mundial de Nacións Unidas para a Responsabilidade Social Corporativa.
Recolle en Suecia, en 2012, o premio á Mellor Ficción Europea pola serie Matalobos. É o recoñecemento máis importante recibido na súa historia.
En outubro de 2013 estréase O Faro. É a primeira ficción relaizada conxuntamente polas televisión autonómicas (as 11 agrupadas en Forta áis Canal Extremadura). Nese ano a TVG organiza a 31 Conferencia Anual Circom en Santiago. En 2014, a CRTV recibe o premio Pioneiros.es recoñecendo a súa presenza na rede coma precursor. A Academia española de Televisión tamén galardoa á TVG na categoría de Mellor Informativo Autonómico pola cobertura do accidente de Angrois.
Na actualidade, a CRTVG ten moita presenza en Internet. Está en Facebook, Twitter e a súa páxina web acaba de ser mellorada para adaptarse ás esixencias da súa audiencia. A medida que pasan os anos, a TVG vaise adaptando a cada época.


No hay comentarios:
Publicar un comentario