A USC anima este curso aos seus estudantes a participar nunha serie de charlas e coloquios sobre o galego nos medios da man de coñecidos xornalistas. Con moito éxito, Lorena Pose foi a última en contar a súa experiencia persoal ante o público.
A coñecida como “presentadora das gheadas” comezou a traballar na TVG como redactora, aínda que máis tarde ocupou o posto protagonista no telexornal da noite. Nunha entrevista en directo cun membro de Protección Civil por motivo da visita do Papa, a naturalidade do seu interlocutor facilitou que ela recuperara o seu uso habitual da lingua: seseo e gheada. Esta foi a primeira vez que recibiu chamadas de atención pola súa pronuncia.
Pero os problemas agraváronse cando comezou a presentar A Revista (edición fin de semana), onde o seu emprego da fala gustou a moitos, pois era reflexo da lingua que usaban os espectadores, pero ao mesmo tempo causou recelo. Un dos directivos da cadea advertiulle que non estaba a usar o galego normativo e que, porén, deixara de facelo. Comentoulle que recibiran mensaxes do público pedindo un cambio: “¿cómo puede una chica con una cara tan bonita hablar así?”
Impacto para a lingua da decisión
“Usaron o meu caso como escusa para retirar da pantalla un rexistro que resultaba incómodo para algúns, que se consideraba bruto.” Afirma que con iso, a sociedade pasou de falar no galego co que comezou a TVG, recollido polo Xabarín nos seus bos tempos, a falar o galego “de Land Rober, de Touriñán, cargado de castelanismos”.
Lorena puntualizou especialmente a importancia da normalización do galego e o paradóxico da situación precaria que sufre aínda hoxe, cando falamos de que a primeira vez que se dicta unha sentencia xudicial en galego sucede en 2008 e “faise unha praca conmemorativa en lugar de alarmarse”.
O uso dun rexistro que non sexa o normativo, conta Lorena, non resulta fino, a pesar de que fai relativamente pouco que este está vixente e trata de agrupar os dialectalismos de toda a comunidade. Toda esta situación xera un baleiro entre as persoas que traballan na televisión en Galicia, e tamén en aquelas que a consumen. “Nun primeiro momento, a TVG naceu coa idea de fomentar o idioma, e agora perdeu esa esencia”, apunta.
Os males da TVG
No 2003 volve a traballar na cadea autonómica, vivindo como xornalista o final do “fraguismo”, o bipartito e o seo da crise da comunicación. Actualmente colabora con Eldiario.es e continúa sendo moi crítica coa directiva da TVG e coa precariedade dos traballos que ofrece.
Todo o proceso polo que pasou permitiulle percatarse de cales son os puntos febles da canle, aqueles nos que deixa de cumprir os obxectivos para os que foi concibida en primeira instancia. Deste xeito, un dos aspectos cos que se mostra en desacordo é co equipo directivo. A xornalista considera que non está capacitado para estar á fronte por contar con poucos coñecementos sobre o mundo televisivo.
Por outra banda, ve outro contratempo na estrutura da redacción. Nesta non existe un consello de informativos consolidado, con xefes de sección que acudan as reunións para o establecemento dos temas que se tratarán. Ademais, en numerosas ocasións as noticias que se elaboran non son revisadas e corrixidas por un lingüista antes da súa posta en antena.
Pose, fai énfase tamén na complicada situación laboral dos xornalistas que desenvolven o seu labor no medio. Nel deixase de lado a posible especialización dos profesionais, para crearen contidos de maior calidade informativa, en favor de “xornalistas polivalentes explotados”.
Como problema clave, a comunicadora destaca a forte importancia que ten internamente a busca de afinidade cos poderes políticos. Mentres deixanse de lado outros aspectos que deberían ser pilares centrais da xestión como, por exemplo, o fomento da cultura.




