domingo, 4 de diciembre de 2016

A influencia de Keynes na economía mantense sete décadas despois da súa morte


Roberto Fumega e Pablo Casas Quiroga | Santiago de Compostela

O “Luns do Ateneo” deu desta vez unha importante lección económica. Aproveitando o 70 cabodano da morte de Keynes, Carlos Ricoy, profesor titular de Análise Económico e Teoría Económica na Facultade de Ciencias Económicas da USC, explicou a tódolos alí presentes a revolución que supuxeron as ideas de Keynes sobre o mundo económico, “unha das figuras clave do século XX no mundo económico” sostivo o profesor Ricoy.

















Percorrido pola biografía de Keynes


Británico, John Manyard Keynes estudou Filosofía e Matemáticas na Universidade de Cambridge, da que o seu propio pai era profesor. Keynes aproveitou a súa estancia na Universidade para ampliar os seus coñecementos polas distintas ramas, como a política ou a literatura, para decantarse finalmente pola economía. O King’s College sería a súa alma mater e comezaría a frecuentar o que se coñecería posteriormente como Círculo de Bloomsbury (do cal sería principal mecenas) do que formaban parte escritores da talla de Virginia Woolf ou o pintor Duncan Grant. Xa graduado, Keynes acabaría sendo conselleiro do Ministerio de Facenda Británico e parte da delegación da Conferencia de Paz de París, logo da Primeira Guerra Mundial.
O nacer no seo dunha familia acomodada, Keynes puido destinar a súa vida a escribir a súa obra e analizar os problemas nos que a macroeconomía se vía envolta. Entre as súas obras máis influíntes atopamos “Ensaios de Persuasión” ou “Teoría Xeral”; obras cunha grande influencia a escala mundial, que supuxeron un xiro no xeito de pensar a economía.

Economía Keynesiana e influencias

John Manyard Keynes –e por extensión o keynesianismo- revolucionaron o xeito de entender a esfera económica no século XX. Puxo en dúbida o sistema capitalista, por consideralo ineficaz para o pleno emprego ou o equilibrio dos factores produtivos. No seu momento, as ideas de Keynes botaron abaixo as vellas prácticas do capitalismo máis agresivo e a teoría clásica da economía, a cal sostiña que pode ser regulada por si sola, crendo nun proceso de saneamento da economía por medio do incentivo ó consumo, deixando de lado os recortes. Parafrasando a Ricoy: “Keynes estaba en contra das reparacións de Alemaña, e polo tanto, da austeridade”.
A idea de que o libre mercado tende ó equilibrio depende doutros factores e non nos leva ó pleno emprego dos medios de produción foi desbotada por Keynes, pois non se trata dunha suposición xeral aplicable a tódolos casos. De igual xeito, tamén cría que o problema de gañarse a vida solucionaríase con xornadas de 3 horas diarias e 15 semanais, como sostivo Ricoy.
No seu momento, o keynesianismo, do que se derivan o estado de benestar e o desenvolvemento, foi capaz de salvagardar a democracia e foron aplicados nos estados occidentais logo da II Guerra Mundial. Posteriormente, nos anos 70, a crise favoreceu que se cuestionasen os seus postulados, rexurdindo así o que coñecemos como as teorías clásicas do neoliberalismo.

Tras a conferencia, Agora  realizoulle unha entrevista a Carlos Ricoy, para afondar na figura do economista británico

P-A pesar de ser un economista do século pasado, cal é a influencia de Keynes na economía dos nosos tempos?
R-A teoría xeral do emprego, sobre todo, supuxo un antes e un despois na visión económica. O “despois” non creo que lle gustase moito a Keynes. A economía depende fundamentalmente da demanda particular e da de inversión. Keynes pensaba que esta última era moi inestable, polo que non sería capaz de xerar pleno emprego.
Outro conflito que se traduce logo das ideas de Keynes é a intervención ou non do Estado para sanear e regular a economía-
P-Está o mundo abandonando o keynesianismo para decantarse por prácticas neoliberais?
R-Totalmente. Coa política económica dos partidos políticos dos anos 80, creceu o liberalismo. Reinterpretouse a keynes dende a ortodoxia e pasouse a crer que a macroeconomía clásica chegaría por si mesma ó pleno emprego. Os keynesianistas poderíamos dicir que hoxe en día son case proscritos.
P-Que lle diría Keynes a aqueles políticos que cren na austeridade e nos recortes?
R-Diríalle que hoxe en día a economía mundial necesita expansión e esas políticas o único que fan e retrasar o proceso. Keynes non estaría de acordo co que está a acontecer.
P-Ábrese, pois, unha nova etapa económica debido á globalización?
R-En certo sentido si, o que acontece é que hai que saber adecuarse a ela, ver o que representa e analizar a súa viabilidade. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario