Roberto Fumega | Santiago de Compostela
Nun novo ecosistema mediático propiciado
polas novas tecnoloxías que irrompen e trocan as maneiras de facer prensa, é
común preguntarse onde está o futuro do xornalismo galego, sobre todo logo do
peche masivo de xornais no 2012. A prensa escrita adoece e o dixital non sempre
é rendible.
Así as cousas, unha serie de coloquios
informativos no Consello da Cultura Galega, dentro do programa do “Panorama das
iniciativas culturais galegas na rede” celebrado o pasado martes 8, conseguiu
botar un pouco de luz sobre o asunto. Poñentes de diferentes medios dixitais
fixeron que as dúbidas sobre a rendibilidade do dixital se disipasen,
presentando e explicando os seus propios proxectos.
Os xornalistas
Xurxo Salgado (Galicia Confidencial), David Lombao (Praza Pública), Rocío
Castro (Sermos Galiza) e David González (Campo Galego) fixeron a súa achega á
causa xornalística.
Lombao leva traballando no seu xornal
dixital, Praza
Pública, dende o 2012. Inicialmente, a
redacción estaba constituída por tres únicas persoas e unha rede pequena de
xornalistas colaboradores. Hoxe é un dos abandeirados da prensa dixital galega.
Praza finánciase a través da publicidade e do aporte monetario de socios máis
un “apoio institucional xusto e necesario” como subliñou Lombao.
Sermos
Galiza non aposta só polo dixital, pois tamén
conta con versión impresa. Sermos nace no 2012 en base a un accionariado
múltiple e aposta tanto pola rede como polo papel, nunha etapa na que o peche
de xornais era o pan de cada día. Como afirmou Rocío Castro, “para financiar
este tipo de medios é indispensable o micromecenado”. A base de Sermos é o seu
compromiso coa lingua, algo que ten sido máis rendible noutros lugares como
Cataluña.
Na falta de información dixital sobre o
mundo agrogandeiro é onde viu David González, de Campo Galego,
o seu nicho de mercado. Nada en 2015, trátase dunha iniciativa privada e non
contan con axudas públicas. Os seus ingresos proceden nun 80% de publicidade de
empresas do sector, e publican tanto en galego, pois é a lingua vehicular da
maioría de gandeiros, e en castelán coa fin de abrir o seu mercado.
Dos catro medios, Galicia Confidencial é o máis
antigo. Nace en 2003 como un blog persoal no que Xurxo Salgado vai baleirando
de xeito anónimo opinións de índole política. En 2009 configúrase como xornal e
tres anos despois adquire categoría profesional. O financiamento de GC é
posible a través de publicidade tanto empresarial como institucional. Como
afirma Xurxo Salgado, chega un momento na vida de todo medio no que hai que
plantexarse o “petar nas portas”, pois é a única maneira de facer sostible un
xornal dixital.
Por medio destas iniciativas constátase
que facer xornalismo dixital en Galicia é posible, pois a tecnoloxía oferta un
amplo abano de oportunidades. Pero non todo pode basearse niso. O máis
importante é ser consecuentes e comprometidos, tendo a vocación xornalística como
piar base. O que García Márquez chamaría “o mellor oficio do mundo”.

No hay comentarios:
Publicar un comentario