Aida González | Santiago de Compostela
Os
que decís qu’a muller
non tên a cabeza feita
para soster unha coroa
e que non sirve para reina
é qu’e esquecendes cicais
que tod’a historia esá chea
de nomes qu’o brilo teñen
de luminosas estrelas.
Pontes, carreiros, papel, auga,
pedra e letras, a Ourense de finais do século XIX era un mundo de homes, que
diría James Brown, no que empezaba xa a xestarse o esplendor cultural da época
Nós. Sen embargo, este mundo de homes non tería sido o mesmo sen certa muller.
En 1856, a cidade das Burgas vía nacer á única poetisa e escritora que, alén de
Rosalía, publicará en galego durante este século.
Probablemente hoxe o nome de
Filomena Dato non lles soe demasiado, pero algo máis de cen anos atrás non lles
sería indiferente. Non o era para Curros, tampouco para Murguía e Valle Inclán,
nin para o pioneiro da prensa galega Lamas Carvajal. Os círculos culturais e
literarios, os certames de Xogos Florais e as publicacións da época serán o
berce dunha muller históricamente esquecida, autora dunha escolma poética en
galego e castelán de gran calidade e verba reivindicativa. Inspiración,
delicadeza e tenrura, dase a coñecer aos 18, coa publicación do seu relato La
Ciega no xornal El Heraldo Gallego. Como afirma o escritor Fernando Román
Alonso en Filomena Dato Muruais, defensora das mulleres, “a súa personalidade
poliédrica, sociabilidade, cultura e sensibilidade logrounas amosar na súa obra
poética, que a converteu nun dos referentes da poesía galega e española, sobre
todo en galego. Considerárona digna sucesora de Rosalía.”
Filomena, terceira pola esquerda |Ourense no Tempo
Malia cinco libros en castelán,
salienta o poemario Follatos (Ourense, 1891), íntegramente en galego. Aparece
aquí a composición En defensa das mulleres, titulada como a de Feijóo
(Montenegro, que non outro…) e gañadora dun certame celebrado en Ourense en
conmemoración deste. A peza fai honra ao seu título, introducindo conceptos
totalmente revolucionarios para unha muller da época. A idea dunha muller válida, privada do acceso
á ciencia e ao saber (“¿Que será cand’ elas sepan que xa ninguén as cretica por
buscaren afanosas a luz d’a sabidoría?) mestúrase con dúbidas existenciais sen
resposta aparente (“¿D’onde sacaron que as almas teñen com’os corpos seuso?”).
Nos seus versos, planta cara ós dogmas da curia, á idea de pecado orixinal e á
imaxe de ineptitude dunha muller culpable dos males do home (“pois si por elas
pecades, a culpa non lle votedes, que nunca o sol tivo culpa de que quen o mire
cegue”). Coincidindo coa súa amiga Pardo Bazán na era pre-Femen, a autora fixo
valer a súa voz mediante a implicación e o traballo. Non en van, no ano de
creación da RAG, foi aceptada —previa proposta de Curros— como membro
correspondente.
Filomena morreu na Coruña no 1926,
foi enterrada en Sada e moi sentida na Galicia cultural do momento. Como indica
Román Alonso, nese mesmo ano o número 27
da revista Nós publicará unha nota no apartado Os homes, os feitos, as verbas,
na que fala de Filomena como unha muller culta e sinxela que conseguiu o
respeto e o sitio entre figuras de relevancia. Tal e como di a publicación,
“Estivo de cote ond’a chamou o deber do seu tempo. Deixou un nome ilustre na
nosa historia literaria, e un mangado de versos, frescos coma rosas, na nosa
antoloxía. O sentimento u’en todos casou
a súa morte, indica ben qu’andaban co-ela a afeión, o respeito e a ademiranza
dos galegos en cios peitos deixa agora a saudade do seu talento. Non a
esquecerá a Galiza”.

No hay comentarios:
Publicar un comentario