sábado, 12 de noviembre de 2016

A 'Fat Tax' a debate na Facultade de Medicina

Lidia Lareo | Santiago de Compostela

A oratoria é a arte de falar con elocuencia. A día de hoxe, no panorama político e cultural no que se atopa a sociedade, saber comunicarse correctamente cun público atento é primordial.

Isto mesmo foi o que, o pasado 9 de novembro, demostraron os membros do Club Debate Compostela e de Scienceffect, nun debate realizado na Facultade de Medicina. O tema que se tratou foi a implementación da Fat Tax en España.

Os capitáns dos equipos, María Táboas e José R. Gago | © Lidia Lareo
O equipo Scienceffect, conformado por tres estudantes de Medicina da USC e unha enxeñeira informática, defendeu a postura a favor da imposición desta taxa para a 'comida basura'. Pola outra banda, o equipo do Club Debate Compostela, que entre as súas filas contaba con debatintes campioas de debates nacionais e mundiais, defendeu a postura en contra desta taxa.

Durante a máis de media hora que estiveron debatindo sobre unha e outra postura, diversos argumentos e razoamentos foron saíndo á palestra. A oratoria foi parte importante neste debate, pero non se debe esquecer a investigación que houbo detrás. 

Os oradores de Scienceffect e Club Debate Compostela | © Lidia Lareo

A Fat Tax é, como se dicía anteriormente, un imposto sobre a 'comida basura'. O seu obxectivo, de ser implantada, é o de reducir o consumo de aqueles alimentos que están relacionados coa obesidade, enfermidades coronarias ou diabetes, entre outras. 

Para que aqueles que acudiran de público puidesen opinar ou plantexar dúbidas sobre este tema, logo do debate abriuse unha rolda de preguntas na que os debatintes amosaron, unha vez máis, os seus coñecementos sobre o tema. 

Público asistente | © Lidia Lareo
Se algo quedou claro neste debate foi que, valla a redundancia, todo é debatible. Pero tamén a importancia que ten coñecer temas tan dispares coma este e saber transmitilos e defendelos en público para o futuro dos estudantes universitarios. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario