Aida González | Santiago de Compostela
“TÚ,
tú que bajas a las cloacas donde
las flores más flores son ya unos tristes salivazos sin sueños y mueres por las
alcantarillas que desembocan a las verbenas desiertas para resucitar al filo de
una piedra mordida por un hongo estancado, dime por qué las lluvias pudren las
hojas y las maderas. Aclárame esta duda que tengo sobre los paisajes.
Despiértame.”
Rafael Alberti, “Ascensión de
Maruja Mallo al subsuelo”, Gaceta Literaria 61, 1929
Non, non foi fácil. Cuarta
irmá dun total de catorce para unha
familia nómade por mor do traballo do pai. Xixón, Vigo, Avilés, Tui, o seu
Viveiro natal… Os primeiros anos da vida de Maruxa Mallo (Viveiro, 1902- Madrid,
1995) foron unha sorte de introducción en miniatura á voráxine de experiencias
que viría despois. Madrid, París, Bos Aires, Nova York. Metade anxo, metade
marisco. Adscrita á facción pictórica da Xeración do 27, as súas obras son
auténticas pezas de culto no contexto do surrealismo español.
Ana María Gómez González tomará
como sobrenome o segundo apelido de seu pai, do mesmo xeito que o seu irmán, o
escultor Cristino Mallo. Será durante a súa adolescencia en Avilés cando na
casa tomen conciencia do talento daquela rapaza que copiaba ilustracións das
revistas. Maruxa comezará a tomar clases particulares de debuxo ata que co
traslado da familia a Madrid en 1922 ela e máis Cristino pasen a tomar clases
de Belas Artes na Real Escuela de San Fernando.
A partir deste momento, compaxinará a súa formación cunha intensa vida
social, da que tomarán parte nomes como Salvador Dalí, Federico García Lorca,
Luis Buñuel, María Zambrano, o daquela amante Rafael Alberti e a súa adorada
Concha Méndez. Esta última será a principal compañeira de aventuras dunha época
na que ambas desafiarán aos cánones sobre o que é axeitado e aceptable nunha
“señorita” e o que non. A influencia das ideas de iconas como Concepción Arenal
ou Emilia Pardo Bazán será crucial para ambas rapazas, que recorrían as
tabernas, debruzándose nas ventas de aquelas ás que non as deixaban pasar para
guichar o que facían dentro os homes.
Os anos 20 serán unha década de
troula, pero tamén de traballo. Colaborando con publicacións como Revista de
Occidente, La Gaceta Literaria ou El Almanaque literario, realizando portadas
de libros, como integrante da Escola de Vallecas… Pouco a pouco, aquela rapaza
de Viveiro comeza a ter un nome propio. En 1928, Ortega y Gasset apadriña a súa
primeira exposición nos salóns da Revista de Occidente. Aos 26 anos, comeza a
súa consagración.Tal e como afirma sobre ela o seu
bo amigo García Lorca, “entre Verbena y Espantajo toda la belleza del mundo
cabe dentro del ojo, sus cuadros son los que he visto pintados con más
imaginación, emoción y sensualidad.”
Maruxa, no seu estudio de Madrid| Imaxe: cuadernosdelpintor
Cos anos 30 chegará a serie
Cloacas y Campanarios, unha das súas pezas clave. En 1932, unha bolsa de
estudos a levará a París. Magritte, André Breton, Joan Miró, Picasso… Os
artífices da vangarda –aos que coñece de primeira man- alimentarán a batedora de influencias de
Maruxa, quen, á súa volta a Madrid, deixa cadros en propiedade de Breton e do
Goberno Francés. Á volta a Madrid, traballará de profesora de arte. Coa caída
da República, chegará o exilio. Con sede en Bos Aires, percorrerá toda América
Latina de man de bos amigos como Pablo Neruda. Posteriormente, regresará a
Madrid, onde morrerá á idade de 93 anos.
Considerada precursora da visión
plástica informalista, a súa obra parte, que diría Breton, do automatismo
psíquico puro. Tal e como afirma sobre
ela o seu bo amigo García Lorca, “entre Verbena y Espantajo toda la belleza del
mundo cabe dentro del ojo, sus cuadros son los que he visto pintados con más
imaginación, emoción y sensualidad.” Case dúas décadas despois, a obra
pictórica desta muller empoderada e independente segue a fascinar a críticos,
afecionados e coleccionistas. Museos coma o Raíña Sofía exhiben na actualidade
fragmentos da súa extensa produción. Referente no contexto da pintura de
vangarda nacional e exitosa representante da escola de Vallecas, a súa
estrafalaria personalidade e rechamante aspecto segue presente na lembranza
popular dúas décadas despois do seu pasamento. Cabeza de Muller, carácter de
mito.

No hay comentarios:
Publicar un comentario