martes, 8 de noviembre de 2016

Ciencia e historia conxúganse para analizar o botafumeiro

Lidia Lareo, Silvia Iglesia | Santiago de Compostela

Un dos sinais de identidade da capital compostelana foi obxecto de estudo na conferencia organizada pola asociación Ateneo de Santiago, 'A ciencia que seduce á arte', o pasado luns. Alí, o botafumeiro que se leva tódalas miradas dos que entran na catedral de Compostela, foi examinado dende un punto de vista histórico e outro centrado nas súas dimensións físicas.

De esquerda a dereita, Ricardo Vázquez, Francisco Díaz-Fierros e Julio Vázquez


Para iso, contouse coa presenza de dous expertos en cadansúa materia: Julio Vázquez, profesor de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela, Ricardo Vázquez, profesor de Física tamén na USC, así como con Francisco Díaz-Fierros, científico, creador de numerosos ensaios e membro da Real Academia Galega.

Tódolos datos necesarios para coñecer na súa plenitude o pasado e o presente, a morfoloxía e o funcionamento do botafumeiro, foron presentados por ambos profesores universitarios. A charla comezou coa cronoloxía, ao longo da cal se foron enumerando as datas máis sinaladas na historia desta emblemática peza. Segundo todo parece indicar, a estrea corresponderiase ao "25 de xullo ou o 30 de decembro de 1423, tres anos antes do primeiro Ano Santo", matiza Julio Vázquez, "coa intención de solemnizar os eventos máis emblemáticos que se celebraban na catedral".

O relevo cólleo Ricardo Vázquez para falar dalgunhas peculiares características que identifican ao botafumeiro, como ter un peso de 56 quilogramos, medir 1,2 metros ou alcanzar unha velocidade máxima de 70 quilómetros por hora. Sen sabelo, os artífices desta milenaria obra empregaron a lei do péndulo 150 anos antes de que Galileo Galilei a descubrira.

Sen dúbida, o interese polo tema tivo o seu reflexo na multitude que encheu o salón de actos na rúa do Vilar, e incluso moitos dos asistentes seguiron con interese a conferencia de pé. Toda unha mostra de que o elemento máis icónico da catedral balancéase como un dos máis queridos para os composteláns.

No hay comentarios:

Publicar un comentario