martes, 29 de noviembre de 2016

Uso e abuso das redes sociais

Pablo Casas, Silvia Iglesia | Santiago de Compostela

 É imposible negar a  influencia das redes sociais no mundo actual e no noso día a día. En maior ou menor medida , todos mudamos un pouco o noso xeito de vida ca súa chegada.  Existen diferentes graos, dende o que non pode vivir sen transmitir en todo momento o que está a facer ata o que non volveu mercar un xornal  e só se  informa mediante Facebook ou Twitter. Porque as redes sociais tamén mudaron, e moito,  o modo de chegar ós públicos dos medios de comunicación,  e dos cibermedios en maior medida.  Dende a súa creación convertéronse nunha parte indispensable para estes medios, xa que os usuarios accedemos a información a través delas e incluso en ocasións usámolas para obter a información completa.

Durante a visita á sede da TVG puidemos  escoitar a  Carlos Verdugo, responsable de actualización do medio web e encargado, xunto co seu equipo de administrar  as redes sociais da CRTVG.  Comentou que a comunicación neste eido é bastante ríxida, moi profesional e baseada en dous items básicos, Twitter úsano para relatar feitos e Facebook para desenvolver historias. Baixo estes preceptos non hai lugar para a innovación ou para saírse do establecido.  Con motivo das eleccións americanas, que se desenvolveron durante  a madrugada dun martes  hora española decidiron rachar con esta política de comunicación tan seria e institucional e usar gifs divertidos para enlazar cas noticias. Sabendo que non eran un medio referencia decidiron probar algo diferente, algo para chamar a atención.


Xurdiu así un debate sobre como debería ser o uso das redes sociais por parte dos medios. Por unha parte é innegable que afastándose do establecido e sendo divertidos  gañan en viralidade e poden chegar a máis xente. Aparece aquí a disxuntiva xa que, pola contra, os usuarios poden percibilo como unha falta de profesionalidade, sobre todo vindo dun medio público. Non tería por que ser así. Os medios non deben concebir as redes coma algo tan ríxido se non que se deben adaptarse máis os gustos e os intereses dos seus usuarios. Ademais, un feito destacable é que a información segue a ser igual, rigurosa e de calidade, só cambiaría o xeito de dala a coñecer.  Non se debe caer no abuso, por outra parte, das bromas e contidos humorísticos fronte a desgracias ou noticias moi serias. A busca da viralidade pola viralidade e a ditadura dos clicks están en auxe nos medios webs.  Pódense apreciar en moitas ocasións nas redes sociais cebos que conteñen información premeditadamente esaxerada ou directamente falsa co fin de atraer usuarios ó teu sitio web. Cómpre evitar esas actuacións pero á vez,  fuxir dos encorsetamentos  das redes sociais, a innovación  e a interacción son xeitos de diferenciarse da competencia.  Porque cas redes sociais, é necesario o seu uso para diferenciarse sen caer no abuso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario