Biblioteca, do latín bibliothēca, do grego βιβλιοθήκη (bibliothēke); que
literalmente significa: caixa onde se gardan libros. Un caixón de libros cunha
persoa dentro, malencarada a maioría das veces, que fai acenos para que teñas a
boca calada. Esa persoa con pinta de poucos amigos é o bibliotecario, gardián e
rexedor do coñecemento atrapado entre as solapas dos libros que a caixa garda.
E trátase dunha figura imprescindible se o que pretendemos é preservar a
cultura, socializala, compartila; en definitiva, democratizala. En tempos
intempestivos (permítanme o dramatismo) e de crise, a profesión de
bibliotecario pode parecer prescindible: o primeiro lastre que se bota antes de
que o barco vaia a pique, sen ser conscientes de que o verdadeiro freo é o
propio capitán.
O pasado “Luns do Ateneo” coincidiu co
día das bibliotecas, das “caixas onde se gardan libros”. Quen presidiu a conferencia
foi Francisco Xavier Redondo Abal, bibliotecario e autor de obras como
“Bibliotecarias e Bibliotecarios Infames”. A través dun exercicio de memoria
histórica (segundo el, un termo moi emporcado polo seu mal emprego), estableceu
un percorrido pola II República Española no que destacou a figura dos
bibliotecarios e das bibliotecas como clave para o proceso de alfabetización e
coñecemento da cidadanía do estado español. As chamadas “Misións Pedagóxicas”
encargáranse de levar a cultura ata os máis recónditos lugares da xeografía,
compartindo os saberes, socializando os coñecementos. Precisamente, ese é o
espírito das bibliotecas: transmitir ensinanzas, abrirlle a calquera a
oportunidade de aprender, independentemente do seu estatus socioeconómico ou
cultural. Aínda que, como di o refrán: “Situacións desesperadas requiren
medidas desesperadas”. Foi baixo esta premisa cando ó estalar a guerra civil
moitas das bibliotecas creadas na II República foron destruídas. Un bo número
delas serviron para que os combatentes se quentasen no inverno do 36 de camiño
á fronte asturiana.
Así é que debido á propia idiosincrasia
do termo biblioteca, podemos
aventurar que se trata dunha cousa perigosa para algúns ós que non lle interesa
que o coñecemento sexa para todos e de todos, coa fin de preservar unha sorte
de caste ou elite que rexa unha nación en beneficio duns poucos.
Como dicía Steinbeck: “Polo grosor do po
nos libros dunha biblioteca pública pode medirse a cultura dun pobo”.
| Francisco X. Redondo, bibliotecario da USC, na conferencia sobre bibliotecas no Ateneo. Carmen Fernández |
No hay comentarios:
Publicar un comentario