lunes, 12 de diciembre de 2016

Galegas Ilustres (III): Luz Pozo Garza

Aida González | Santiago de Compostela

¿Lémbraste, meu amigo?
A luz deixaba formas de saudade
e a frescura das pedras
podía modular os ámbitos do río
lámina impresionista na mañá fuxidía.
Era o tempo
en que as rapazas novas apañaban nos fieitos.

De Ribadeo a Lugo e de Lugo a Marrocos, os primeiros anos da vida de Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) forman un vaivén similar ao baile de acentos das sílabas do seu nome. Bo inicio para unha vida marcada polo amor á palabra. A escritora, membro da Real Academia Galega dende 1996, é unha das voces máis senlleiras da palabra poética do pasado século en Galicia.
Bilingüe por costume e escritora por vocación, Luz inicia a súa formación artística aos oito anos, aprendendo a tocar diversos instrumentos. Os problemas do seu pai, pertencente á esquerda republicana, co réxime imperante, farán que a familia experimente a angustia da persecución, dos traslados e das visitas en prisión. Anos despois, acadará o título de bacharelato,  o ciclo elemental de Solfeo e Piano e a carreira de Maxisterio. Sen embargo, esta completa formación non será dabondo para escapar aos cánones sociais da época. O matrimonio e a maternidade chegarán da man do seu profesor Francisco Vázquez Ramudo, director da academia Minerva. Posteriormente, será licenciada en Filoloxía Románica pola universidade de Oviedo, converténdose previa oposición en profesora de instituto. Será ao longo de todos estes anos cando os seus cadernos comecen a se encher de poesía. Prometeu a flor de loto, citouse co vento,  falou a Rosalía e esta contoulle a súa vida secreta.
Luz, na súa biblioteca | Imaxe: V Televisión

 “Un diálogo é unha conversa. Fala a alma consigo mesma en Platón para interpretar o pensamento. Agora conversamos dúas mulleres galegas nun diálogo. Rosalía fala e eu respondo.” Conversaba Luz coa nai literaria en 1996, diante da Real Academia Galega no día do seu ingreso. E é que a pegada da matriarca será clave para a vocación literaria da autora de Memoria Solar. Como di Silvia Bermúdez no seu ensaio “De La ansiedad de la influencia a los Diálogos con Rosalía: hablemos de relaciones intrapoéticas en la literatura gallega”, “O diálogo que Pozo Garza establece con Rosalía determina que a tradición literaria galega sexa tamén un evento feminino.”

Xenealoxía da saudade, os paraísos perdidos de Luz Pozo Garza son pezas irrenunciables das nosas letras contemporáneas. Pasada a barreira dos 90 e coas cicatrices recentes trala morte dunha neta, Luz continúa ocupando a U da Real Academia Galega . Coa publicación o pasado ano de Sol de Medianoche, elexía á neta perdida, Luz reafírmase na crenza na inspiración e na palabra. Non cabería agardar un legado diferente.  Tampouco tería sentido.

Galegas Ilustres (II): Maruxa Mallo

Aida González | Santiago de Compostela

“TÚ,
tú que bajas a las cloacas donde las flores más flores son ya unos tristes salivazos sin sueños y mueres por las alcantarillas que desembocan a las verbenas desiertas para resucitar al filo de una piedra mordida por un hongo estancado, dime por qué las lluvias pudren las hojas y las maderas. Aclárame esta duda que tengo sobre los paisajes.
Despiértame.”
Rafael Alberti, “Ascensión de Maruja Mallo al subsuelo”, Gaceta Literaria 61, 1929


Non, non foi fácil. Cuarta irmá  dun total de catorce para unha familia nómade por mor do traballo do pai. Xixón, Vigo, Avilés, Tui, o seu Viveiro natal… Os primeiros anos da vida de Maruxa Mallo (Viveiro, 1902- Madrid, 1995) foron unha sorte de introducción en miniatura á voráxine de experiencias que viría despois. Madrid, París, Bos Aires, Nova York. Metade anxo, metade marisco. Adscrita á facción pictórica da Xeración do 27, as súas obras son auténticas pezas de culto no contexto do surrealismo español.
Ana María Gómez González tomará como sobrenome o segundo apelido de seu pai, do mesmo xeito que o seu irmán, o escultor Cristino Mallo. Será durante a súa adolescencia en Avilés cando na casa tomen conciencia do talento daquela rapaza que copiaba ilustracións das revistas. Maruxa comezará a tomar clases particulares de debuxo ata que co traslado da familia a Madrid en 1922 ela e máis Cristino pasen a tomar clases de Belas Artes na Real Escuela de San Fernando.  A partir deste momento, compaxinará a súa formación cunha intensa vida social, da que tomarán parte nomes como Salvador Dalí, Federico García Lorca, Luis Buñuel, María Zambrano, o daquela amante Rafael Alberti e a súa adorada Concha Méndez. Esta última será a principal compañeira de aventuras dunha época na que ambas desafiarán aos cánones sobre o que é axeitado e aceptable nunha “señorita” e o que non. A influencia das ideas de iconas como Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán será crucial para ambas rapazas, que recorrían as tabernas, debruzándose nas ventas de aquelas ás que non as deixaban pasar para guichar o que facían dentro os homes.
Os anos 20 serán unha década de troula, pero tamén de traballo. Colaborando con publicacións como Revista de Occidente, La Gaceta Literaria ou El Almanaque literario, realizando portadas de libros, como integrante da Escola de Vallecas… Pouco a pouco, aquela rapaza de Viveiro comeza a ter un nome propio. En 1928, Ortega y Gasset apadriña a súa primeira exposición nos salóns da Revista de Occidente. Aos 26 anos, comeza a súa consagración.Tal e como afirma sobre ela o seu bo amigo García Lorca, “entre Verbena y Espantajo toda la belleza del mundo cabe dentro del ojo, sus cuadros son los que he visto pintados con más imaginación, emoción y sensualidad.”
Maruxa, no seu estudio de Madrid| Imaxe: cuadernosdelpintor


Cos anos 30 chegará a serie Cloacas y Campanarios, unha das súas pezas clave. En 1932, unha bolsa de estudos a levará a París. Magritte, André Breton, Joan Miró, Picasso… Os artífices da vangarda –aos que coñece de primeira man-  alimentarán a batedora de influencias de Maruxa, quen, á súa volta a Madrid, deixa cadros en propiedade de Breton e do Goberno Francés. Á volta a Madrid, traballará de profesora de arte. Coa caída da República, chegará o exilio. Con sede en Bos Aires, percorrerá toda América Latina de man de bos amigos como Pablo Neruda. Posteriormente, regresará a Madrid, onde morrerá á idade de 93 anos.

Considerada precursora da visión plástica informalista, a súa obra parte, que diría Breton, do automatismo psíquico puro.  Tal e como afirma sobre ela o seu bo amigo García Lorca, “entre Verbena y Espantajo toda la belleza del mundo cabe dentro del ojo, sus cuadros son los que he visto pintados con más imaginación, emoción y sensualidad.” Case dúas décadas despois, a obra pictórica desta muller empoderada e independente segue a fascinar a críticos, afecionados e coleccionistas. Museos coma o Raíña Sofía exhiben na actualidade fragmentos da súa extensa produción. Referente no contexto da pintura de vangarda nacional e exitosa representante da escola de Vallecas, a súa estrafalaria personalidade e rechamante aspecto segue presente na lembranza popular dúas décadas despois do seu pasamento. Cabeza de Muller, carácter de mito.

Galegas ilustres (I): Filomena Dato

 Aida González | Santiago de Compostela 

Os que decís qu’a muller
non tên a cabeza feita
para soster unha coroa
e que non sirve para reina
é qu’e esquecendes cicais
que tod’a historia esá chea
de nomes qu’o brilo teñen
de luminosas estrelas.

Pontes, carreiros, papel, auga, pedra e letras, a Ourense de finais do século XIX era un mundo de homes, que diría James Brown, no que empezaba xa a xestarse o esplendor cultural da época Nós. Sen embargo, este mundo de homes non tería sido o mesmo sen certa muller. En 1856, a cidade das Burgas vía nacer á única poetisa e escritora que, alén de Rosalía, publicará en galego durante este século.
Probablemente hoxe o nome de Filomena Dato non lles soe demasiado, pero algo máis de cen anos atrás non lles sería indiferente. Non o era para Curros, tampouco para Murguía e Valle Inclán, nin para o pioneiro da prensa galega Lamas Carvajal. Os círculos culturais e literarios, os certames de Xogos Florais e as publicacións da época serán o berce dunha muller históricamente esquecida, autora dunha escolma poética en galego e castelán de gran calidade e verba reivindicativa. Inspiración, delicadeza e tenrura, dase a coñecer aos 18, coa publicación do seu relato La Ciega no xornal El Heraldo Gallego. Como afirma o escritor Fernando Román Alonso en Filomena Dato Muruais, defensora das mulleres, “a súa personalidade poliédrica, sociabilidade, cultura e sensibilidade logrounas amosar na súa obra poética, que a converteu nun dos referentes da poesía galega e española, sobre todo en galego. Considerárona digna sucesora de Rosalía.”

Filomena, terceira pola esquerda |Ourense no Tempo

Malia cinco libros en castelán, salienta o poemario Follatos (Ourense, 1891), íntegramente en galego. Aparece aquí a composición En defensa das mulleres, titulada como a de Feijóo (Montenegro, que non outro…) e gañadora dun certame celebrado en Ourense en conmemoración deste. A peza fai honra ao seu título, introducindo conceptos totalmente revolucionarios para unha muller da época.  A idea dunha muller válida, privada do acceso á ciencia e ao saber (“¿Que será cand’ elas sepan que xa ninguén as cretica por buscaren afanosas a luz d’a sabidoría?) mestúrase con dúbidas existenciais sen resposta aparente (“¿D’onde sacaron que as almas teñen com’os corpos seuso?”). Nos seus versos, planta cara ós dogmas da curia, á idea de pecado orixinal e á imaxe de ineptitude dunha muller culpable dos males do home (“pois si por elas pecades, a culpa non lle votedes, que nunca o sol tivo culpa de que quen o mire cegue”). Coincidindo coa súa amiga Pardo Bazán na era pre-Femen, a autora fixo valer a súa voz mediante a implicación e o traballo. Non en van, no ano de creación da RAG, foi aceptada —previa proposta de Curros— como membro correspondente.
Filomena morreu na Coruña no 1926, foi enterrada en Sada e moi sentida na Galicia cultural do momento. Como indica Román Alonso, nese mesmo ano  o número 27 da revista Nós publicará unha nota no apartado Os homes, os feitos, as verbas, na que fala de Filomena como unha muller culta e sinxela que conseguiu o respeto e o sitio entre figuras de relevancia. Tal e como di a publicación, “Estivo de cote ond’a chamou o deber do seu tempo. Deixou un nome ilustre na nosa historia literaria, e un mangado de versos, frescos coma rosas, na nosa antoloxía. O sentimento u’en  todos casou a súa morte, indica ben qu’andaban co-ela a afeión, o respeito e a ademiranza dos galegos en cios peitos deixa agora a saudade do seu talento. Non a esquecerá a Galiza”.


jueves, 8 de diciembre de 2016

Unha oleada de roubos sacode Riberia

Exterior da tenda Greco despois de ser atracada  | Fotografía: Carmen Fernández

Carmen Fernández  | Santa Uxía de Ribeira

Esta non foi una semana habitual entre os veciños, comerciantes e policía local do municipio barbanzano de Santa Uxía de Ribeira. Dende o mércores ata a madrugada do domingo sucedéronse unha serie de roubos que teñen aos veciños da localidade en vilo.

Durante a madrugada do mércores, tres negocios do casco urbano de Ribeira foron asaltados. O primeiro dos roubos tivo lugar pouco despois de medianoite na tenda de alimentación “La despensa de María”. Pero grazas á alarma non conseguiu levar ningún botín, xa que tivo que fuxir antes de que chegara a policía. A tenda de complementos, cosmética e maquillaxe Zaloi e a xoguetería Os Nenos tamén foron atracadas esa noite. Una cifra próxima aos 700 euros foi o botín que os ladróns roubaron esta noite.

Á noite seguinte, os ladróns entraron nunha casa na zona de Deán e subtraeron dela unha televisión plana. Os veciños, que escoitaron ruídos, chamaron á policía inmediatamente. “Estábamos na casa e oímos ruídos, cando saímos á ventá vimos a dous homes entrando na casa” nos conta unha veciña de Deán. Cando chegou a policía, recorreron as calles en busca dos dous homes, pero non os atoparon.

Ramona Vidal na súa tenda, Greco | Fotografía: Carmen Fernández

Para seguir facendo honra á “tradición” de roubar polas noites, na madrugada do domingo outros tres negocios foron vítimas de  roubos. O bazar oriental da Avenida Rosalía de Castro, a tenda de pinturas e vernices Castro Parga e a tenda de perfumería e complementos Greco foron os negocios asaltados. Ramona Vidal, dona de Greco, contounos como se decatou de que entraran na súa tenda. “Estaba na Coruña e tiven que chamar a unha amiga para que fora mirar por qué estaba soando a alarma”, conta Ramona. “Dentro do malo puido ser peor, xa que podían haber collido moitas máis cousas, pero solo levaron 6 perfumes e os cambios que tiña na caixa”.


A policía ten xa un sospeitoso. Trátase dun home que xa fora protagonista dunha serie de roubos en A Pobra do Caramiñal. “Estamos seguindo as pistas. As declaracións de testemuñas e as gravacións das cámaras de seguridade son de moita axuda” aclaraba un oficial de policía. Os veciños agardan que pronto se saiba quén está detrás dos roubos e que o culpable responda ante a xustiza.

domingo, 4 de diciembre de 2016

A influencia de Keynes na economía mantense sete décadas despois da súa morte


Roberto Fumega e Pablo Casas Quiroga | Santiago de Compostela

O “Luns do Ateneo” deu desta vez unha importante lección económica. Aproveitando o 70 cabodano da morte de Keynes, Carlos Ricoy, profesor titular de Análise Económico e Teoría Económica na Facultade de Ciencias Económicas da USC, explicou a tódolos alí presentes a revolución que supuxeron as ideas de Keynes sobre o mundo económico, “unha das figuras clave do século XX no mundo económico” sostivo o profesor Ricoy.

















Percorrido pola biografía de Keynes


Británico, John Manyard Keynes estudou Filosofía e Matemáticas na Universidade de Cambridge, da que o seu propio pai era profesor. Keynes aproveitou a súa estancia na Universidade para ampliar os seus coñecementos polas distintas ramas, como a política ou a literatura, para decantarse finalmente pola economía. O King’s College sería a súa alma mater e comezaría a frecuentar o que se coñecería posteriormente como Círculo de Bloomsbury (do cal sería principal mecenas) do que formaban parte escritores da talla de Virginia Woolf ou o pintor Duncan Grant. Xa graduado, Keynes acabaría sendo conselleiro do Ministerio de Facenda Británico e parte da delegación da Conferencia de Paz de París, logo da Primeira Guerra Mundial.
O nacer no seo dunha familia acomodada, Keynes puido destinar a súa vida a escribir a súa obra e analizar os problemas nos que a macroeconomía se vía envolta. Entre as súas obras máis influíntes atopamos “Ensaios de Persuasión” ou “Teoría Xeral”; obras cunha grande influencia a escala mundial, que supuxeron un xiro no xeito de pensar a economía.

Economía Keynesiana e influencias

John Manyard Keynes –e por extensión o keynesianismo- revolucionaron o xeito de entender a esfera económica no século XX. Puxo en dúbida o sistema capitalista, por consideralo ineficaz para o pleno emprego ou o equilibrio dos factores produtivos. No seu momento, as ideas de Keynes botaron abaixo as vellas prácticas do capitalismo máis agresivo e a teoría clásica da economía, a cal sostiña que pode ser regulada por si sola, crendo nun proceso de saneamento da economía por medio do incentivo ó consumo, deixando de lado os recortes. Parafrasando a Ricoy: “Keynes estaba en contra das reparacións de Alemaña, e polo tanto, da austeridade”.
A idea de que o libre mercado tende ó equilibrio depende doutros factores e non nos leva ó pleno emprego dos medios de produción foi desbotada por Keynes, pois non se trata dunha suposición xeral aplicable a tódolos casos. De igual xeito, tamén cría que o problema de gañarse a vida solucionaríase con xornadas de 3 horas diarias e 15 semanais, como sostivo Ricoy.
No seu momento, o keynesianismo, do que se derivan o estado de benestar e o desenvolvemento, foi capaz de salvagardar a democracia e foron aplicados nos estados occidentais logo da II Guerra Mundial. Posteriormente, nos anos 70, a crise favoreceu que se cuestionasen os seus postulados, rexurdindo así o que coñecemos como as teorías clásicas do neoliberalismo.

Tras a conferencia, Agora  realizoulle unha entrevista a Carlos Ricoy, para afondar na figura do economista británico

P-A pesar de ser un economista do século pasado, cal é a influencia de Keynes na economía dos nosos tempos?
R-A teoría xeral do emprego, sobre todo, supuxo un antes e un despois na visión económica. O “despois” non creo que lle gustase moito a Keynes. A economía depende fundamentalmente da demanda particular e da de inversión. Keynes pensaba que esta última era moi inestable, polo que non sería capaz de xerar pleno emprego.
Outro conflito que se traduce logo das ideas de Keynes é a intervención ou non do Estado para sanear e regular a economía-
P-Está o mundo abandonando o keynesianismo para decantarse por prácticas neoliberais?
R-Totalmente. Coa política económica dos partidos políticos dos anos 80, creceu o liberalismo. Reinterpretouse a keynes dende a ortodoxia e pasouse a crer que a macroeconomía clásica chegaría por si mesma ó pleno emprego. Os keynesianistas poderíamos dicir que hoxe en día son case proscritos.
P-Que lle diría Keynes a aqueles políticos que cren na austeridade e nos recortes?
R-Diríalle que hoxe en día a economía mundial necesita expansión e esas políticas o único que fan e retrasar o proceso. Keynes non estaría de acordo co que está a acontecer.
P-Ábrese, pois, unha nova etapa económica debido á globalización?
R-En certo sentido si, o que acontece é que hai que saber adecuarse a ela, ver o que representa e analizar a súa viabilidade. 

Keep calm and baixa ao mundo das redes sociais, TVG

Lidia Lareo | Santiago de Compostela

O primeiro medio en Galego de Galicia polo seu contido en galego, segundo Anexa, se está modernizando. Deste xeito se presentaba a CRTVG na visita que fixemos os estudantes de cuarto de Xornalismo da USC á súa sé.

O que debería ser un medio de referencia en Galicia, pero que na realidade só se entende como "a cadea dos vellos e do rural", deuse de conta por fin da importancia de estar nos máis soportes que se poda para ser un bo servizo público. E niso están. Achegandose por WhatsApp á mediana idade e mediante unha app aos nenos (proximamente). Seica o ano que vén vai ser "o do cambio gordo", a través do dixital, da multicanle, fomentando a experiencia do usuario...

A experiencia do usuario. Aí foi onde ficamos máis tempo. Que quere a xente? Que é o que realmente buscan? E, sobre todo, como llelo pode achegar a CRTVG sen sairse do seu estilo serio, formal, institucional e distante? Ou, se cadra, hai que abandonar ese estilo?

Todas estas dúbidas asoballaban e asoballan as cabezas pensantes dos que levan as redes sociais e a web da canle. Pero realmente non é para menos. Suponse que son un organismo oficial e que non se deberían de poñer a nivel de medios coma, por exemplo, o Huffington Post. En primeiro lugar, porque son un medio público, e eses titulares non teñen cabida nun medio público. En segundo lugar, porque aínda se quixesen non lles deixarían. Obviamente, isto último non se nos dixo directamente, pero a telepatía entre membros do gremio existe no referido a este tema.

Con todo, as ganas de poñer en práctica esta arte, tan habitual agora, do 'trolleo' non faltaban na plantilla. Así que aproveitaron as eleccións norteamericanas para twittear e poñer algún que outro gif gracioso. Destes bromistas que nunca serían ben vistos se se tratase de eleccións municipais, galegas ou nacionais. Foi entón, cando nolo comentaron, cando quedaron claras as posturas. Algúns apelaban pola sobriedade necesaria das canles públicas. Outros, tirabamos máis por un ton desenfadado.

Estamos no século XXI e, se ben non hai que facer chiste de todo, os informativos serios xa os deixamos de lado hai tempo. Igual que a prensa seria lle fixo un oco á prensa desenfadada. Non hai que ser unha broma constante en redes sociais, mais quizais a TVG precisa baixarse dese autoproclamado trono de raíña da formalidade e achegarse á verdadeira poboación galega nova. Os señores maiores non están nas redes sociais, está a outra Galicia, a Galicia nova e aberta. Hai tempo que abandonamos as monarquías absolutas. 

A TVG lanzará una aplicación con contidos en exclusiva para nenos

María Iglesias, Carla Mañas e Irea Lareu | Santiago de Compostela

A Televisión de Galicia centrará as accións do novo ano no lanzamento dunha aplicación móbil para os máis cativos da casa. A TVG é, por agora, o único lugar onde os nenos poden consumir televisión en galego. O idioma é un elemento diferenciador no mercado que dende a TVG, como asegurou o responsable do departamento de dinamización da web, Carlos Verdugo, non dubidarán en explotar.

Dende a Corporación ven necesario facerse oco na maior cantidade posible de plataformas co obxetivo de chegar a maior porcentaxe posible de poboación.
“Os nenos xa non consumen televisión de forma tradicional, agora usan as tablets e os móbiles coma se fosen as súas extremidades, aí é onde debe estar a TVG”, apuntou Carlos.



O Xabarín, programa infantil de máis éxito da TVG

A posta en marcha desta nova aplicación para o consumo de contidos infantís segue a liña que apostar e fomentar os contidos online, como asegura o responsable da web. Dende o ano 2010 a CRTV ven de facer unha aposta forte pola presencia online a que teñen previsto dar continuidade. Para isto, pretenden incrementar a presenza en rede de programas icónicos da cadea como Land Rober ou Luar.

Deste xeito, o punto central da estratexia da canle autonómica consiste en potenciar a experiencia de usuario. A conexión e interacción serán factores centráis para xerar unha imaxe positiva que leve a incrementar a audiencia e, en consecuencia, a cantidade de poboación que ten acceso ao servizo público que ofrecen.